25.12.12

O Apalpador

O Apalpador ou Pandigueiro é un xigante carboeiro que vive na montaña e usa boina, casaca, fuma pipa e come bagas e xabarís que, na noite do 31 de decembro, vai polas casas de todos os nenos galegos despois de que queden durmidos apalpándolles a barriga para comprobar se comeron ben durante o ano. Se lles nota a barriga chea dilles: “Así, así estea todo o ano”. Entón, déixalles a todos, tanto teñan a barriga chea como non, castañas e agasallos.


Este personaxe, xa case no esquecemento, está moi rifado co actual Papá Noel. E aínda que sexa algo pouco coñecido, eu penso que deberíamos darlle o recoñecemento que merece, xa que é unha cousa máis que engrosa a nosa cultura e dános prestixio. De feito, é unha tolería achegar ós nosos costumes unha tradición nórdica como o é o Papá Noel e non algo que é noso. Ademais de ser un produto comercial co que Coca Cola xogou converténdolle o traxe verde en vermello.

Tamén, cómpre sinalar que, a parte de en Galicia, tamén existen figuras parecidas no resto de España, coma o Olentzero ou Olantzaro de Navarra, que tamén é un carboeiro que, na noite do 24 de decembro, reparte agasallos nas casas dos nenos vascos e navarros.


Noemi Iglesias