1.11.12

Aínda non coñeces á Santa Compaña?

Neste tempo de Samaín encóntrome con ganas de contarvos unha lenda sobre a Santa Compaña, unha tradición que permaneceu na cultura tradicional galega polo paso dos séculos e da que aínda quedan rastros, como os cruceiros nos cruces dos camiños. Na mitoloxía popular galega é unha procesión de mortos ou ánimas que pola noite (a partir das doce) percorren camiños e sendas dunha parroquia ou pobo. O fundamental da súa procesión é visitar todas aquelas casas nas que en breve haberá unha defunción. En Galicia coñécese por varios nomes: Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns e Pantaruxada.


O aspecto da Santa Compaña pode variar segundo a tradición das diferentes zonas. A máis extendida é a formada por unha comitiva de almas en pena, vestidas con túnicas negras con capucha, que vagan durante a noite. Esta procesión fantasmal vai encabezada por un vivo (Estadea), seguido polas ánimas, portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita. Forma dúas ringleiras, as cales van envoltas en sudarios e cos pés descalzos. A súa presenza faise notar polo cheiro a cera, o son dunhas cadeas e o vento que levanta ó seu paso. Conta a lenda que o portador da cruz só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen entregarlle a cruz e o caldeiro.  

   


Seguindo uns pasos pódeste salvar desta obrigación se trazas un círculo no chan e méteste dentro del ou poste boca abaixo. Existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero a diferenza está en que non son pantasmas de mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome de "procesión das Xans". Nós este ano decidimos representar á Santa Compaña e fumos recorrendo camiños estreitos preto das igrexas e parroquias. Despois pedimos polas casas co famoso "trick-or-treat", pasámalo moi ben e recibimos algún que outro agasallo. Anímovos a que vos disfracedes e informádevos dalgunha lenda que vos guste!


Déixovos cunha pequena curtametraxe "A Estadea"



Fernando Costa