27.5.12

Nas terras do Xallas

     
Ola rapaces! Vou levarvos de viaxe pola miña zona, a parroquia de Grixoa (Santa Comba).
   Unha das cousas máis fermosas, encóntrase moi cerca de Vilar de Céltigos, trátase do pazo de Cícere. Este pazo está dividido en pazo de arriba e pazo de abaixo. A dona do pazo de arriba é unha muller sen fillos,chamada Avelina da Manchega. Os donos do pazo de a-baixo son a familia Ucha Velo. 
Agora vou contarvos un pouco da súa historia:
D. Álvaro de Sampayo e Montaos foi o primeiro dono, trala división do pazo orixinal.  Foi erguido entre os séculos XVI e XVII. Este pazo presenta unha planta rectangular alongada, coa entrada pola fachada máis curta, onde se aprecian restos dunha grande porta, que era a principal, e dous grandes escudos (un deles coas armas de Fray García de Pardiñas).

  Na fachada lateral destaca a existencia dun balcón sostido sobre peañas de pedra, cunha fiestra co dintel e as xambas molduradas de xeito clásico, así como unha inscrición que informa sobre as reformas feitas na casa.   Nos brasóns que adornan o seu exterior distínguese as liñaxes dos Bermúdez, Moscoso, Castelo.  Ademais este pazo cedeu o seu tesouro ao castelo de San Antón da Coruña.
Gústavos?

Este pazo é unha das cousas máis interesantes, aínda que a min gustaríame que virades o noso río, o Xallas.

O río Xallas nace no monte Castelo e atravesa a comarca. A sú a beira hai algunhas áreas recreativas (Esmorode, Brandomil) pero  o máis belo é a súa flora: carballos, castiñeiros, fentos... Na fauna podedes ver: esquíos, raposos, garzas, martas, londras... Se sodes pescadores e tedes sorte ao mellor algunha troita. Despois de cruzar a devesa chegamos á ponte romana de Brandomil (Zas) a partir de aí comeza o encoro da Fervenza onde cada verán fan unhas das mellores festas de Galicia, e así o río vai pouco a pouco ata desembocar no Ézaro.


Serxio Pereira